Politicamente son torto, é dicir,
que teño as ideas torcidas. Politicamente, o tema semanal foi a
proclamación de Quim Torra como presidente da Generalitat de
Catalunya. Politicamente, hainos máis “entendidos” ca min.
Entón, como son torto, non procede buscarlle tres pés ó gato, ou
sexa, falar do que seica non entendo.
Así é que non queda outra
que falar da final da Liga Europea e das Letras Galegas. Ata rima,
vedes? Para as rimas semella que non son tan revirado.
E acabo de saber do accidente aéreo de Cuba (axiña se deixará de
falar del porque... aquel réxime) e dun novo tiroteo nunha escola
secundaria de Texas, ou o que é o mesmo, nese país no que os pais
ensínanlle ós nenos a disparar antes de dicir carallo (que é o que
lles ensinamos nós; pero co carallo non se mata).
Poida
que o fútbol do Atlético de Madrid non namore. Pero aí está,
ganando títulos. Un título pódelo ganar ó patadón. Pero
varios... ó mellor non son tan malos como se
pensa. O Griezmann
si ten moita culpa dos
éxitos, pero
olliño ó seu adestrador Simeone, que para moitos será o que eles
digan, pero os resultados e os títulos demostran o contrario.
Días
das Letras Galegas. Que un país teña que reivindicar unha vez ó
ano a súa lingua é un pouco triste. É moito peor que triste. Logo,
para máis aquel, ese día o político racha
as vestiduras pola súa lingua e ó día seguinte pon todos os
atrancos habidos e por haber para que tal lingua non
se use. Os xornais, unha
marabilla: a portada chea de fermosas
verbas galegas para, na segunda páxina, “se vos puxen xa non me
lembro”. Ó final chegas á conclusión de que o Día das Letras
Galegas é un esperpento... festivo, aínda por enriba.
O
do tiroteo en Texas, xa é caer na reiteración sobre a miña
denuncia polo asunto das armas. Non
obstante, volvo
dicir unha vez máis que lles está ben empregado; e as pobres
vítimas sen ter culpa ningunha. Pero é que hai cousas, ves cousas
que claman ó ceo. Ata o propio Trump, con todo o pasmón
que é, tenas que ver, seguro
que as ve, pero claro, quen
se mete con “el poderoso caballero es don dinero”. As armas dan
pasta para dar e tomar.
Sobre
o accidente aéreo en Cuba; o dito: máis seguro que, hoxe, ó estar
lendo isto, xa non asome nos periódicos. Son cubanos. Son doutro
mundo.
Finca
Fierro. Venres, 18 de maio de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario