Agora os días son tan grandes que ós
que traballamos na labranza fánsenos eternos.
Antigamente, para matar un
pouco o tempo, asubiabamos e cantabamos. Agora deixamos que canten
outros, é dicir, metemos uns auriculares nos oídos e deixamos que a
música que temos no móbil faga o resto. O que pasa é que coa
música, por aquilo de que será porque é morriñosa,
pensamos unha barbaridade. E neses días tan longos dá tempo de
pensar en todo. Por exemplo; que Cataluña volve estar na súa máxima
actualidade; que a Liga de Campións está aí, á volta da esquina;
que a rula mira para o norte e o pombo canta para o sur; que o día
estaba raro-raro, pois tan axiña saía o sol como unhas nubes negras
se apoderaban da Costa da Gándara.
Mais
houbo un pensamento que me mantivo moi ocupado: o das presentacións
dos libros (ás veces asisto
a algunhas). Entendo que os autores queiran vender ben as
súas novelas, queiran
facerlle abondo publicidade; pero as presentacións non deberían
existir. Así de simple. E se queren facelas, pois moi ben, que falen
sobre o autor, que este se saiba vender. É que falar dos libros é
moi complicado. Ás veces contan cachos de trama, ou de estilo, ou de
xénero. Por que non deixamos que sexa o lector o que descubra todo?
Os libros nin tan sequera deberían poñer nada nas contraportadas ou
nas solapas. Lelo a cegas? Pois si! Co bonito que é descubrir un por
si mesmo o argumento, os personaxes, as características. Nin tan
sequera deberían
dicir se é un thriller ou unha novela policial
ou de aventuras ou se se nota certa soidade nela. Que sexa o lector o
que descubra se hai mortes ou se hai retranca, se hai escenas de sexo
ou amores compartidos. Como se pode vender ben entón un libro? Unha
portada rechamante? Un título que
engaiole? As editoriais
adoitan ter xente que vale para esas cousas. Nas
presentacións, cando se fala dos libros xa vas un pouco condicionado
sobre o que vas ler. Co bonito que é descubrir por un mesmo todo ese
mundo que puxo aí o autor. Durante boa parte do día, a este
labrego, para evadirse,
para liscar
un chisco do cansazo, déuselle por pensar neses libros ós que quere
entrar a cegas.
Finca
Fierro. Sábado, 12 de maio de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario