Agora que levamos tantos días con
mal tempo, a xente acórdase do sol. Eu tamén me acordo do sol. Pero
non porque o estea desexando; sinceramente, dáme igual. Tan só
desexo que non me chova cando teño que sulfatar. Non obstante, se me
acordo do sol é porque este me fai retroceder ós anos da nenez e da
xuventude, principalmente na época en que había que regar os
terreos, as hortas. Quizais
por fanfurriña,
quizais por non querer durmir a sesta (agora, coa idade, unha
cabezadiña...) ou quizais para ter libres as tardiñas para así
xogar cos amigos na Aira de Arriba (os pouquiños minutos nos que me
deixaba a nai), digo que quizais por todo iso, eu prefería regar os
terreos ás tres da tarde, baixo un sol deses que, a certas idades,
xa che dá algo así como unha insolación. Pero eu, de rapaz,
pillaba aqueles dous cubos e a peito descuberto moitas veces (aínda
que o ensinar os ósos non me gustaba moito, mais sabía que a
aquelas horas non había un alma polas rúas) ía da fonte á Cortiña
e desta á fonte pois unhas vinte ou trinta veces; regando todo o que
se pode regar: desde os chícharos
ós feixóns,
desde os tomates ós pementos, e ata as propias patacas. Paseos e
máis paseos pola carreira da Cortiña baixo un sol queimón.
Finca
Fierro. Domingo, 10 de xuño de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario