jueves, 14 de junio de 2018

UN EQUILIBRIO ESCRAVO

Mentres escoito o jazz de Sarah Vaughan e Clifford Brown, escribo. Escribo sobre os biosbardos dun soño e sobre o tiroliro a sete voces. “Tiroliro a sete voces” é unha novela de Xosé Fariña Jamardo que sempre me chamou a atención polo título. O de tiroliro, engancha. E se non que llo pregunten á miña muller, que xa a teño aburrida de tanto que lle ando encima con tiroliro a sete voces.
Encima dos raís da vía do ferrocarril, pola zona da estación de Baños de Molgas, de rapaces, non lle puñamos unha moeda para que a esmagase o tren ó pasar, senón que pousabamos algo polo mero feito de ver como se estrullaba. Como iamos poñer unha moeda!; en primeiro lugar, non a tiñamos e en segundo lugar, se a tiñamos e a puñamos quedabamos sen ela. E non estaban os tempos para tirar nin tan sequera unha cadela (cinco céntimos de peseta). A voz de Sarah Vaughan lévame ós mesmos raís, sobre os que, andando, faciamos equilibrio e contabamos os pasos de aguante sen caer. O caso era matar o tempo nas tardes dominicais. Só nas dominicais. Nas laborais, con escola ou sen escola, o equilibrio faciámolo cavando nas leiras e que non se torcese o rego. Levalo dereitiño; ese era un equilibrio escravo.

Finca Fierro. Xoves, 14 de xuño de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario