lunes, 4 de junio de 2018

CAMIÑAR MÁIS RÁPIDO

O outro día vindo da viña lendo no periódico (sempre vou e veño lendo algo, sexa libro ou xornal), atopeime cunha nova que me encheu dunha ledicia tan grande que case chouto diante da muller. Resulta que camiñar máis rápido reduce un 24% o risco de mortalidade. Eu, que precisamente non penso deixar este mundo ata os 123 anos, botade contas ata onde vou chegar.
Porque chegarei. Porque o de andar máis rápido, para min, está chupado: todo consiste en sulfatar máis de présa. Mirade que non teño eu sitio para andar máis rápido. Case unha hectárea de viñedo dándolle voltas coma un sarillo. E que sorte van ter os meus rapaces. Son tan nugalláns que non botan unha man nin a tiros. Xa hai tempo que llo dixen: tedes sorte de que vou tardar en morrer e, así, podedes vivir á conta do pombo do voso pai. E os chimpafigos botáronse a rir. Máis de 123 anos. Porque si, porque o de camiñar máis rápido xa me encargo eu. Non é só na viña onde camiño. Cada vez que vou ó centro de Ourense, case sempre o fago andando. Ida e volta, moitas veces. Así, claro, é normal que tarde en morrer. Este sábado que vén, se o tempo o permite, xa me poño a elo, a camiñar máis rápido. Toca sulfatar de novo. Pernas, para que vos quero; temos que ir moito máis alá dos 123.

Finca Fierro. Domingo, 3 de xuño de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario