Vivimos nun país privilexiado. Onde
todos sacamos tallada. Cada vez estou máis convencido de que nin eu
mesmo son honrado. Así de simple. A Valedora do Pobo, a que se
entende que ten que valer polo pobo, pola xente, na realidade, só
intercede polos seus. Aconteceu nun posto de libre designación, que
quería que lle deran a praza a unha “coñecida”. E logo! Ou
outro exemplo, que o Ministerio de Interior seica ordenou un trato de
favor á infanta Cristina na visita que lle fixo ó seu querido
marido Urdangarin para que: non fixera cola, para que entrase no
cárcere cunha furgoneta e fóra de hora, e para que non pasase
rexistro algún. Para que se vexa que non é un preso calquera! Así
é que, ou por trato de favores ou porque metemos axiña man no que
sexa ou porque somos corruptos ou porque somos uns vendidos, no noso
país non hai un habitante honrado. Nin o primeiro. Uns levámolo
máis disimuladamente, mentres que outros ata se gaban de ser como
son. Como ten que ser!
Non é coma noutros países, nos que
hai xente honesta. Ata nos Estados Unidos, que xa é dicir. Resulta
que alá, no país das armas que só matan, unha profesora que morreu
de cancro acaba de darlle unha lección ó mundo pedindo que os que
asistiran ó velorio, ó seu funeral, en lugar de flores, levaran
material escolar para nenos necesitados. Iso é ser honrados! Polo
menos nese detalle. Ás veces falamos desas ONG´s que se entregan ós
máis indixentes, cando en algún momento (certo que moi pouquiños,
pero...) temos á nosa beira a unha persoa, a unha simple persoa que
fai ela máis que toda unha ONG.
Escribo este Recuncho xusto ó
rematar o primeiro partido dos oitavos de final do Mundial de Rusia
entre Francia e Arxentina (4-3), e non me queda outra que dicir que
oxalá todos os partidos restantes foran coma este. Que gozada! E
aínda para máis aquel, cunha morea de goles. E que Deus nos colla
confesados ante Mbappé, se é que chegamos alá, algo do que, por
certo, dubido moito. Xa sei que os xogadores nosos din que nos invade
o pesimismo e que non é para tanto. Pero “visto lo visto”, non
sei que vos diga. Oxalá ó publicarse isto me refregaran o meu
pesimismo polo fociño (entre a escritura e a publicación, xogaron)
Finca Fierro. Sábado, 30 de xuño de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario