lunes, 25 de junio de 2018

MORRA O CONTO!

Xente busca xente. Balbina Romana Tatexa buscou a Edelmiro Nobre Formoso e axiña casaron. Así, tal como o digo. Víronse un día, chiscáronse un ollo e aí empezou todo. Tres meses exactos. Precisamente no terceiro mes, buscaron un lugar para vivir e atopárono na aldea de Vilega dos Tres Ollos.
Fose pola repentina presenza ou pola forma de noivado ou pola rapidez no casamento ou polo que cadrase, para os veciños de Vilega dos Tres Ollos, Balbina non era pola do seu poleiro e Edelmiro non era galo do seu galiñeiro. Así de sentenciados quedaron polos tres habitantes da pequena aldea. O de pequena enténdese; só eran tres. E non había maneira; xa podían facer favores e máis servizos que o matrimonio acabado de chegar nin resultaba simpático nin parecía de fiar. Non é de estrañar entón que, nesas noites de inverno cru, cando os tres habitantes se xuntaban arredor do lareira, iniciasen unha conversa, un parlamento sobre Balbina e Edelmiro para rematar axiña con esa sentenza anterga de que ela non era pola do noso poleiro e el non era galo do noso galiñeiro. Daban unha puñada na mesa, choutaban as cuncas e morra o conto! Mentres, Balbina e Edelmiro estaban co intento do primeiro fillo.

Finca Fierro. Luns, 25 de xuño de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario