sábado, 9 de junio de 2018

HONOR Ó SEU ALCUME

Caelo Bracarense Sulfuroso levantouse da cama porque estaba deitado. Levantouse cedo, ás oito e media da mañá. Certo, non é moi cedo. Pero si é moi cedo se estamos a falar dun sábado; no que el non adoita traballar. A ver, narrador, sexa vostede un pouco sincero. Vou ser sincero: Caelo Bracarense non adoita traballar nunca.
Os veciños xa lle chaman O Parado. Porque está sempre parado, incluso cando, ás veces, moi pouquiñas, está traballando. É dicir, fai que traballa. Pero ós veciños non os engana, O Parado non dá pé con bóla. Aínda que a el iso pouco lle importa. É máis, ata fai coma que súa. Pasa unha man pola fronte e deixa escapar un impresionante uufff de cansazo. Ou saca o pano e refrega toda a cara simulando que limpa todo un mar de suor. Caelo Bracarense Sulfuroso almorzou e axiña colleu o coche para ir á súa aldea. A súa aldea está alá no quinto inferno ou onde o aire dá a volta. Chegou con toda a parsimonia do mundo. Pero si tivo azos para coller un sacho e ir cavar as patacas. Mais ó chegar á pequena leira xa era hora de xantar. Non merece a pena empezar, díxose a si mesmo. Botoulle un cigarro e non empezou. Tiña que facerlle honor ó seu alcume. Así é que, O Parado marchou para a casa a sentarse á mesa todo cansado.

Finca Fierro. Sábado, 9 de xuño de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario