Busca e encontrarás. Frase fetiche
desde hai xa moitos anos para convencerme de que, ó final, se
buscas, obtés a recompensa. E buscando, buscando case sempre atopo
esa recompensa, aínda que só sexa en forma de personaxes molgueses
que nin imaxinaba que existían. Por
uns escritos ou por outros xa levo falado sobre uns cantos, e estes,
á súa vez, carrexan
a outros. Non hai moito atopeime cun máis que me levou a furgar un
chisco para saber da súa vida e da súa obra. Nunha nova do mes de
xuño de 1903 lin que despois de 21 anos de ausencia, 11 dos cales os
pasou en Filipinas, onde foi prisioneiro
dos tagalos durante 14 meses, saíu para San Xoán de Vide, en Baños
de Molgas, con obxecto de visitar á súa nai,
xa moi maior, o reverendo P.
Antonio Lozano, da ilustre comunidade de Agustinos do Escorial. Os
tagalos é unha etnia indíxena de orixe austronesio que vive na illa
de Luzón.
Pois
ben, este Frei Antonio Lozano resulta que naceu o 9 de setembro de
1867 na aldea de Meamán. O día 1 de decembro de 1883 fixo a
profesión de votos simples no nun colexio valisoletano
e ordenárono
sacerdote xa en Manila no 1891. Axiña
dominou o dialecto ilocano, que era o terceiro grupo étnico máis
grande das Filipinas. A área natal dos ilocanos (ou ilokos ou
ilokanos) está no noroeste da illa de
Luzón e é a identidade de definición para a Rexión de Ilocos. Por
certo, o primeiro periódico en ilocano editouse en 1889 e tiña ese
mesmo nome en español, ou sexa, El Ilocano, que o editaba un tal
Isabelo de los Reyes.
Digo
que Antonio Lozano dominaba ese dialecto e foi por elo que se fixo
cargo interinamente da parroquia de Aringay no abril de 1893 e da
misión de Benguet no outubro do mesmo anos. Despois dunha heroica
defensa neste pobo (naqueles tempos e por aqueles lares había
contendas, enfrontamentos
a darlle cun sacho), e logo de longas xornadas polos montes, chegou ó
distrito de Bontoc, onde os citados tagalos o fixeron prisioneiro o 3
de setembro de 1898. Pero antes tivo tempo de escribir unhas memorias
sobre a necesidade e conveniencia de crear varias misións no
distrito de Benguet.
Finca
Fierro. Venres, 8 de xuño de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario