martes, 16 de marzo de 2021

A AMEAZA FANTASMA

Deitei sobre o xergón cheo de follas de millo e tan axiña como pechei os ollos asomou pola lumieira un algo que non souben distinguir. Ó mellor era un simple pensamento que quería acubillar nun recanto da memoria. Ou un sono que pensaba bailar ó ritmo dos latexos do meu corazón; que nese momento recoñezo que era moi acelerado. Unha ameaza fantasma roldaba pola habitación. Proíame o corpo e non sabía xa se era polas pulgas que soltaría o xergón ou por esa ameaza que intuía que asomaba pola claraboia. Non me quedou outra que engruñarme e deixar que o tempo pasase. Pero os pensamentos son libres, coma os medos, e imaxinaba películas de terror por entre as patas das vacas que estaban abaixo, na corte. Ata cheguei a pensar en ser roído polos dous porcos que había no cortello. A miña fantasía era terrible, pero porque sabía que unha ameaza fantasma estaba a meterse por entre as follas de millo do xergón.


Empecei a suar de angustia e cada vez apertaba máis os ollos. Quería durmir axiña. Pero quen dorme cun corazón acelerado e cuns recordos que van e veñen por entre as interminables liñas dunha novela que se está por escribir. Imaxino que será de suspense ou dese xénero negro no que todo se volve escuro. Como escura é a ameaza fantasma que se está formando na miña cabeza. Dou voltas e máis voltas sobre o xergón, pero sen abrir nunca os ollos. Non quero mirar para a lumieira. Case mellor me levanto e boto a correr polas rúas de Baños de Molgas, non vaia ser o demo que...


Finca Fierro. Martes, 16 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario