lunes, 15 de marzo de 2021

QUE MORRA O CONTO

Quero ser o Mad Max da Valenzá para que ninguén me respire e o Freddy Krueger desta noite escura para que todos me teñan medo. Quero que ata o silencio teña medo e que as pegas deixen de voar por entre o millo que a Filomena do Arrastrado sementara alá nas Costelas. Ó mellor foi nas Longas. É igual. Quérolle asubiar ó sol e cantarlle un “Cara al sol” á lúa vella. Ás veces son así de espléndido. Outras non quero que o bicho de Alien me colla, me atrape, me morda, me trague.

Quero ser o niño dunha rula e tamén formar unha lagoa coas bágoas que verta. Claro que, ultimamente, non choro moito. Non choro nada. Ultimamente corro polos Castros e déixome caer nas nubes de algodón que circundan o río Miño.


Quero cumprir coa tradición de ir e non volver. A onde? Iso si que non o sei. Pero o caso é marchar. Porque teño que marchar. Quizais para escapar deses heroes ou deses personaxes que se me pegan á pel. Eu non teño nada que ver co Freddy Krueger ese! E o Mad Max pelexa alá polo quinto inferno ou nas Antípodas. Ó mellor igual o fai nunha pantalla cinematográfica. Eu que sei!

Quero escoitar a Milladoiro e aparéceme un tal Kenny G. Non entendo nada. Nin tan sequera sei xa que pinto de fantasma no soño que me aconteceu na sesta: que non sei que de Mad Max e de Freddy Krueger, dunha tal Filomena e do “cara al sol con la camisa nueva” e dun bicho e dunha lagoa. Case é mellor que morra o conto. Que morra.


Cafetaría La Carabela da Valenzá. Luns, 15 de marzo de 2021

Finca Fierro. Luns, 15 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario