martes, 23 de marzo de 2021

NA LISTA NEGRA

Teño unha lista negra que sempre levo comigo. Non fai falta que sexa en papel nin nas notas do móbil; chégame con levala na cabeza. E iso que é longa coma os días de maio. Creo que é tan longa que, por veces, ata penso que non terá fin. Por exemplo, politicamente falando, case case case todos están nela. Como nesa lista negra están os demos que levo dentro. Que, tamén por veces, son moitos. E grandes, e terribles, e negros, e escuros. Na miña lista negra está aquel que me mira de esguello ou que me deixa ver un sorriso ladeado. Que tamén hai uns cantos; aínda que, á hora da verdade, non lles fago nin puto caso.


Están na lista negra aqueles que non saben soñar espertos. Con todo o bonito que é soñar. Aqueles que lles dan as costas á lúa vella. Con todo o resplandor que deixa. Aqueles que non saben asubiar andando ou correndo por entre a néboa. Con todo o romanticismo que iso implica.

Cinematograficamente falando, está na lista negra desde hai moitos anos o actor (o de actor é un dicir) Steven Seagal. Nunca tal me pasou con ninguén dese mundo cinéfilo. Hai actores ós que non trago (Nicolas Cage, por exemplo), pero aínda así, de cando en vez, vexo algunha película deles. Mais a Steven Seagal, con tan só ver o seu nome, arresto inmediatamente a súa película. Sinceramente, case podo dicir que este encabeza a miña lista negra.

Na lista negra están recordos, momentos, desilusións, detalles, encontros, opinións..., pero nunca perdo a esperanza.


Finca Fierro. Martes, 23 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario