miércoles, 10 de marzo de 2021

O LOBO É O ESTADO

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, esbardallou o outro día como quixo e puido ó declarar que o Goberno pon en perigo o futuro das explotacións gandeiras por culpa do lobo. Hai que ter perendengues. Desde que o mundo é mundo sempre houbo lobos (e máis cans asilvestrados que agora), sempre houbo gando e sempre conviviron uns e outros. Señora conselleira, asegúrolle que o lobo non é nin será o culpable do futuro dos labregos. Por certo, deberían de saber xa que o vocábulo “futuro” nunca existiu para o labrego. A agricultura e gandaría neste noso ps nunca tivo futuro nin nunca o terá, por suposto. Desde que o mundo é mundo sempre se menosprezou, sempre se lle deu para atrás. Non me veña agora con que a culpa é ou será do lobo.


As explotacións gandeiras non teñen futuro porque as administracións, todas as administracións, nunca se preocuparon por elas. E non me queira meter por medio o asunto das subvencións, que aínda escribín o outro día un relatiño no que comentaba que cando hai subvencións... malo, moi malo, algo non cadra. As subvencións son como risas de crocodilo nunha empresa, nun colectivo, nun produtor, nunha actividade. É querer tapar dous ou tres buracos tan só dunha gran peneira. O que hai que analizar é por que un gandeiro vende o seu produto a céntimos de euro e ten que mercar outros a euros; leite a céntimos e penso ou abonos a euros. Non se pode vender hoxe un becerro ó mesmo prezo que se vendía nos anos 60-70. Señora conselleira, o lobo témolo nós, o lobo somos nós, é o Estado.


Finca Fierro. Mércores, 10 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario