sábado, 20 de marzo de 2021

ELA NUNCA SE NEGA

O mozo está sentado nunha escaleira de pedra e contemplando o universo, o seu universo. Por enriba del está o ceo con nubes brancas nas que debuxa algo así como un alento rachado pola metade. Pecha os ollos un instante e aínda sen abrilos xa nota a presenza dela: polo seu aroma ou recendo, polo seu halo ou aura. Ela, a moza, senta á súa beira e mírao ós ollos. El non aguanta a mirada e algo así como unha quentura, como unha pequena febre ponlle a cara colorada. Ela simula un sorriso de cariño e achegamento.


Pouco a pouco, palabra vai e palabra vén, miradas que se achegan e que foxen inician algo semellante a unha conversación sen sentido pero chea de ambición e desexo. El cospe palabras que en conxunto non se entenden e que por separadas quedan aí, colgadas nese espazo que circunda ás escaleiras. Ela, xa pola maioría das veces cun sorriso aberto, moi aberto dille a todo que si ou afirma coa cabeza. El, ós cachos, deixa escapar unha risa incerta, ficticia para disimular un pouco a felicidade que lle cabalga polas veas.

Cando a tarde camiña dereita cara ó luscofusco el segue dicindo e prometendo e afirmando e pedindo coas meniñas dos ollos cheas de emoción, mentres ela afirma, asegura, concede e non lle nega nada. Ela sabe que a felicidade está alí, naquelas pulilas que, ás veces, a esfuracan ou atravesan e outras foxen cheas de rubor e dunha fermosa melancolía ou de tenra vergoña. Ó pouco, erguen collidos da man e baixan pola rúa coma dúas almas nadando na ledicia dun sono. O seu sono.


Finca Fierro. Sábado, 20 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario