sábado, 13 de marzo de 2021

SENDAS DE GLORIA

Sendas de gloria son aquelas polas que me sento ben. Por aqueles camiños ou carreiros polos que se me dá por asubiar. E como asubío tan ben, noto como se deteñen os paxariños a escoitar. Algún que outro contéstame. Sendas de gloria no meu camiñar. E viaxo polo profundo dos seus ollos e polo cable da luz que atravesa a rúa da esperanza para chegar á meta da realidade. E aínda que ás veces a realidade é dura, traidora e escura, no meu caso, sempre está aí para que a analice con catro versos e unha canción. A pena é que non son Joaquín Sabina.

Sendas de gloria son aquelas que me levan polos vieiros dunha canción que semella que nunca ten fin e que eu asubío de portelo a portelo e de carballo a carballo. E non hai valado que se me resista nin negativa que asome por un balcón. Tamén de cando en vez sento á beira dunha lagoa e espero que o desexo de alcanzar a gloria chegue nun santiamén ou nun simple latexo de certa ocasión, desta ocasión.


Sendas de gloria que percorro desde que o mundo se dignou a escoitarme, e aínda que só emitise un sinxelo asubío por entre os castiñeiros do tempo. Dese tempo que vai e vén por entre a melancolía de certas cancións e que se bambea baixo o impulso do ritmo musical de Vangelis. Sendas de gloria son as de Kirk Douglas en tempos de guerra e son aquelas polas que camiño coa ollada perdida e a morriña rabuñando na alma de cando o amor era poesía. A ansiedade é a escrava de certas batallas.


Finca Fierro. Sábado, 13 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario