viernes, 19 de marzo de 2021

UN PINGAS NERVIOSO

Oito e media da noite. A piques de rematar o día de san Xosé e o día do pai. A min isto do día do pai ponme moi nervioso. Coma o día da nai e coma o día dos namorados. Eu, desde hai moito tempo, prefiro nomealos coma os días do Corte Inglés. Antigamente, isto non existía. Ademais, pais e nais somos todos os días. Igual que o día da muller, que acaba de pasar. Os outros días que? É que agora temos días de todo. É máis, xa non hai un día no ano no que non sexa algo: o día do medio ambiente, o día do can, o día da vaca, o día do libro (para min, todos os días son o día do libro), o día do sabugueiro, o día das lagoas, o día da auga, e así ata 365 ou 366 días. Seguro que tamén hai o día da paciencia; que é o que hai que ter hoxe en día.


Así é que, no día de San Xosé, anuncio de novo que son as nove menos vinte da noite e que vou a escoitar un tema musical da película “Os 4 fantásticos”. Ó mesmo tempo tamén imaxino que a lúa brilla fóra. Imaxino porque estou dentro da casa e non a vexo. Pero seguro que hai lúa. Digo aínda máis: é lúa nova. Por pouco tempo, certo, xa que pasado mañá pasaremos á súa fase crecente. Moitas cousas nesta vida crecen. Outras minguan, tamén é verdade. O meu desexo crece. O meu espírito crece. As miñas accións poida que mingüen. A ver, a idade... A idade xa sabemos que é experiencia, pero tamén unha liña recta cara á fin dos tempos, do noso tempo.

Agora si, agora no día de san Xosé, e ás nove menos cuarto da noite, é o gran mestre don Ennio Morricone o que lle pon punto final a este pingas nervioso.


Finca Fierro. Venres, 19 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario