lunes, 22 de marzo de 2021

INVASIÓN

Invado o poema cuns versos que non din nada, ou polo menos que nin eu mesmo entendo. Invado as noites de silencio co ruído dunhas teclas para que algo, un non sei que, quede para a posterioridade. Tamén quero invadir conciencias cos meus pensamentos, pero, claro, aquel que non ten conciencia, que lle importa o que eu pense. Non obstante, aí queda: unha frase, unha simple palabra, unha idea, un algo, un latexo por, unha ollada para... Intento invadir os recordos daquelas tardes nas que non paraba de troulear polas airas de Baños de Molgas ou nas que simplemente sentaba nun mazadoiro e quedaba a velas vir.


Hai invasións que destrúen a esencia dun pobo e aniquilan a natureza de cada un. Hai invasións que rebentan e estouran, que nadan e flotan. Hai invasións locais e estranxeiras. Hai invasións musicais e deportivas, cómicas e dramáticas.

Eu invado e déixome invadir. Invado follas en branco con ríos de tinta azul e déixome invadir por pingas de orballo que caeron duns sentimentos que sempre están á flor de pel. Invado a noite pecha con berros de algarabía e déixome invadir polos versos de Rosalía. Invado os soños que compartín na época na que fun máis feliz e déixome invadir pola memoria infantil, aquela na que mellor souben vivir. Porque vivir non é fácil. Invado aquelas mañás nas que pensaba que o día sería moi longo, pero déixome invadir por unha realidade na que o tempo pasa e todo cambia. Invadín este pingas con orballos de palabras.


Finca Fierro. Luns, 22 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario