miércoles, 24 de marzo de 2021

MOBY DICK

Vou na busca de Moby Dick, aquel recordo, aquel medo que me marcou desde os tempos nos que o amor era poesía. Vou na busca de Moby Dick e non son o capitán Ahab. Cruzo carballeiras e ríos e mares e semella que o leviatán se me escapa máis e máis. Sento baixo a sombra dun castiñeiro e penso naquel Moby Dick da infancia, de cando a noite se pechaba sobre a estación do ferrocarril de Baños de Molgas e onde fixen tempo, subido no alto do burro, para simular que si me achegara ó muíño do Dositeo. Como un rapaz podía atravesar esas carballeiras ás dez e pico da noite! Igual na metade do camiño estaba Moby Dick coa boca aberta.


Agora que xa non son un rapaz quero atopar a ese diaño que me amargou media existencia, enfrontarme a el e dicirlle que non lle teño medo. Atraveso lagoas cheas de sambesugas e berro por Moby Dick desde o alto dos outeiros. Corro polo val do Medo e subo ó cabalo de ferro para cruzar o túnel da Fervenza. Non son o capitán Ahab, pero quero darlle caza igual a ese recordo, a ese medo para que o corazón non me siga premendo o peito. Medo a aquela claraboia ou lumieira da habitación pola que case todas as noites facía intentos de penetrar ese Moby Dick maldito.

Pero hoxe... hoxe xa non che teño medo, Moby Dick. E por iso te busco polos recantos da memoria, incluso polos recunchos da conciencia, enfrontarme a ti e poder mandarte ó nicho do esquecemento ou á sepultura da lembranza. Coa experiencia xa non che teño medo, Moby Dick.


Finca Fierro. Mércores, 24 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario