jueves, 25 de marzo de 2021

PRINCIPIO E FIN

Todo ten o seu principio. Todo ten o seu fin. Se empezas a escribir unha liña, tes que rematar cun punto. Se inicias un sorriso, tes que acabar cun saúdo. Se berras, acabarás en silencio. Se corres moito, rematarás sentado para que se apousenten os folgos. Se lle colles a man a ela, acabarala soltando. Principio e fin.

Principio dun disparo que sae, fin dunha bala que mata. Principio dunha rula que canta, fin dun amor que aniña. Principio dunha subida ó monte Calvario, fin nunha crucifixión eterna. Principio e fin do que todo se move, do que todo se sente, do que todo se ve. Principio dunha música que soa, fin dun tema que remata.


Todo ten o seu principio na frase que inicias, nas palabras que soltas e que ás veces non sabes cando van rematar; pero rematarán. Todo ten a súa fin cando xa non sabes que dicir. Os soños teñen o seu principio, que finalizan cando espertas ou cando non queres soñar máis. Lembrade que se pode soñar espertos.

Principio dun libro que se abre, fin dunha aventura ou epopea ou drama ou comedia que remata. Principio dunhas imaxes nunha pantalla grande e branca, fin dunha evasión desexada. Principio dun paseo polas corredoiras dos soños e fin dunhas andanzas nas airas da felicidade. Principio e fin nos tempos de antes, de agora e de sempre.


Finca Fierro. Xoves, 25 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario