domingo, 14 de marzo de 2021

A TENTACIÓN VIVE ARRIBA

Cando me dixeron que a tentación vivía arriba, pensei, por suposto, que era Marilyn Monroe resucitando de entre os mortos para apousentar no segundo andar do meu edificio. E, sinceramente, sentín algo así como unha corrente de orgullo que subía polo meu peito. Que Marilyn Monroe non era moco de pavo. Por certo, de parva non tiña nada.


Non obstante, cando xa iniciara o camiño para presentarme ante ela, axiña caín na conta de que tal tentación era ese universo que quero visitar, ese universo sen fin que vai moito máis alá das estrelas. O que me comunicara a nova sabía da miña alucinación polo infinito e máis alá. E no máis profundo da miña alma agradecinlle o detalle; polo que, o primeiro que fixen foi subir, pero non ó segundo andar, senón aínda máis arriba, ou sexa, ó faiado para recuperar o meu traxe de astronauta. Por fin chegaba de novo a ocasión de darlle as laudes a esa tentación que levaba anos consumíndome. Deixei de pensar na Marilyn Monroe e corrín coma un foguete ata a nave Nostromo cinematográfica. Nesta viaxaría no tempo e polo espazo para cumprir co meu desexo: vivir eternamente polo universo sen fin e co silencio preñado de romanticismo. A verdade é que son un romántico.

A tentación vive arriba e a miña alegría verte galaxias que cruzo a velocidades supersónicas e sabendo que a meta nunca terá fin. Lánzome feliz e contento cara ó universo azul. Ou negro. Ou escuro. Pero inmenso e bonito.


Finca Fierro. Domingo, 14 de marzo de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario