viernes, 14 de mayo de 2021

A HISTORIA OFICIAL

A historia oficial é aquela que nunca se conta. Porque cando empezas a contar e cando notas que hai demasiado interese, entón vas transformando os ditos e os feitos ata convertelos en versións. Se te compadeces, ata es capaz de dicir polo baixiño que, oficialmente, era así, destoutra maneira. Se alguén nomea a historia oficial é porque, por detrás, hai outra ou varias versións ou maneiras ou formas. É así de sinxelo.


A historia oficial da miña realidade é saber se tal realismo existe. Ó mellor son un sopro de aire que alguén deixou escapar nunha noite de silencio. Tamén podo ser o suspiro dun soño que bailou por entre as espigas do millo alá por un mes de xullo. Non quero furgar moito na miña realidade porque, oficialmente, igual non son como pensas que son. A historia oficial do meu vivir tan só a sei eu. E aínda que sempre lle contei a miña vida a todo o mundo, aínda que sempre fun coma un libro aberto, vai ti saber que é verdade e que é mentira. Aínda que sexa para ben, moitas veces mentimos. Ou simplemente collemos por outro camiño, o ficticio.

Realmente, a historia oficial é unha película arxentina que Luis Puenzo realizou no 1985 e que interpretaron Héctor Alterio e Norma Aleandro, dous auténticos monstros. Agora, claro, queda na túa man saber se é mentira ou é verdade, se é un dato que deixo caer eu porque si, ou se é a historia oficial desa historia oficial.


Finca Fierro. Venres, 14 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario