lunes, 10 de mayo de 2021

POLO USO DAS AUTOVÍAS

A xente empeza a alterarse, a alporizarse porque o Goberno quere implantar no 2024, ou sexa, á volta da esquina, un pago polo uso das autovías e, máis adiante, de todas as estradas. E quen non se irrita ante este atraco! Despois de pagar impostos de todo o habido e por haber, queren cobrar de novo por todo. Pagamos impostos de matriculación. Pagamos impostos de circulación. Pagamos a ITV. Pagaremos polo aire que corta o coche cando acelera. E, co tempo, pagaremos por respirar.


Entendo que as autovías e as estradas necesitan un mantemento, pero... realmente mírase ben por elas. Porque ás veces circulas por algunhas que están peor que aqueles camiños polos que transitaban os carros das vacas. Non poño o exemplo da que vai de Ourense a Lugo (a N-540) porque é coma predicar no deserto.

Non sei cantos millóns por mantemento. Cando leo o escoito cantidades destas que lanza o Goberno, sempre se me veñen á cabeza esas pensións vitalicias de políticos que xa non fan nada. E se fan algo é nas empresas privadas cobrando euros a darlle cun sacho e por poñer tan só o seu nome de reclamo. Iso si me doe: cobrar por non facer nada. E cobrar ben.

Non me gusta moito escribir sobre estes temas porque, ó pensar neles, noto como a carraxe me envelena o sangue. E sei que cando me cego non vexo ben o que escribo. Espero, confío e desexo que esa futura medida non vaia adiante. Porque xa está ben que nos chupen o sangue, que xa estamos a pagar de máis por todo.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 10 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario