martes, 18 de mayo de 2021

SAÍN CON GANAS

Saín da casa con ganas e con ansia, con moita ansia. O estar dentro da casa é algo que me abafa bastante. Quero saír a ver mundo, quero ser coma un bebé. Así é que saín e camiñei. Camiñei pola rúa e polo atallo. Vin froiteiras e paxaros que se metían nas froiteiras. Vin lesmas que se arrastraban e lagartiñas que escapaban. E mentres vía, pensaba. Porque a miña cabeza nunca para. Pensaba en algo para plasmar no papel. E o que máis asentou na miña mente foi o de “saín da casa con ganas e con ansia”. De aí partiu todo. De aí está partindo todo. Que se as nubes brancas se mesturan coas negras. Que se o sol asoma e se esconde. Que se o silencio deixa de ser silencio porque os coches meten ruído.


Pensei na Perla Negra de Jack Sparrow cruzando o mar e bambeándose ante a forza das ondas. Pensei neses biosbardos que nunca consigo ver pero que sei que están aí. Pensei nese desexo que me altera o sangue. Pasado xa o atallo iniciei o percorrido por unha estrada que axiña se fixo rúa, ou por unha rúa que xa era estrada. Ás veces é complicado distinguir un esperpento dun soño, ou unha utopía dunha quimera, ou un afogo dun berro. Que carallo!, berrar é bonito. Cun berro adoitan saír moitos demos. E temos uns cantos dentro.

Saín da casa con ganas e con ansia e aquí estou, rematando con esa ansiedade, con esa congoxa e con ese abafo que me atenazaban. Abro a xanela da gaiola e voo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario