domingo, 23 de mayo de 2021

ANDAINA POLAS BEIRAS DO CERVES

Acordaron tarde, pero acordaron. A piques de ser as catro e media da tarde acordaron de realizar unha andaina; ou ben polo concello de Carballeda de Avia ou ben polas Pozas de Melón. Eu, como son un mandando, ou sexa, con tal de saír da casa, fun o primeiro que me encamiñei para o coche e coa intención de achegarnos de novo ata o río Cerves (foramos hai uns quince días e tiveramos que dar a volta ós 200 ou 300 metros a causa dunha treboada que asomou polo horizonte). Non obstante, polo camiño falouse de que polas pozas habería moita xente e que con isto da pandemia, etc. Así é que falei dunhas rutas que había en Carballeda de Avia. Pois vale, esas. Pero, chegando a Ribadavia, comentei que xa non lembraba ben como eran esas rutas, que quería investigar algo máis, e outro etc. Imos ás pozas, acabei decidindo.


Non descubro nada falando ben das Pozas de Melón porque, quen máis quen menos, xa as coñece ou polo menos xa oíu falar da súa fermosura, do seu paseo baixo, hoxe, unha natureza verde, case salvaxe. O camiño é certo que non é apto para calquera. A ver, a dificultade é pequeniña, pero tena. Moito chanzo natural e, na segunda parte do percorrido, a maiores de chanzos, agora si, chamémoslles, artificiais, ten unha certa subida, unha certa pendente que para aqueles que se “afoguen” algo vailles custar. Pero merece a pena o esforzo; tanto polas pozas como por, despois, a contemplación da fervenza do Tourón. A tarde incluso estivo propicia para unha andaina desas; nin moito sol e cun certo airiño que era abondo fresco.


Finca Fierro. Domingo, 23 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario