domingo, 30 de mayo de 2021

A PARTIDO ÚNICO...


Non son partidario dos milagres. Tampouco desa xente que din que si existen. Simplemente creo que as cousas son como son e que cando se consegue algo, por xeral, é porque se traballou ben, porque se intentaron facer as cousas con calma e con futuro e, logo, os resultados chegan por si sós e tamén son os que poñen a cada un no seu sitio. Ante isto, non hai favoritismo que se loa. O Vilarreal non acadou a Europa Liga pola graza divina, nin o Chelsea a Liga de Campións. Partían, tanto o un coma o outro, de vítimas ante o favoritismo do Manchester United e do Manchester City, respectivamente, pero como se adoita dicir: os partidos non se ganan sen baixarse do autobús. Certo, que máis mérito leva o Vilarreal que o Chelsea. Este, dentro do que cabe, está á altura do City e do United. Pero, o Vilarreal... nin punto de comparación co Manchester United. Dicían que o equipo inglés quintuplicaba o presuposto do español. Non obstante, é o que digo eu sempre; que ó ser partido único... unha mala tarde do favorito, unha faltiña a favor do modesto, etc. Nunha liga, o United quedaría sempre por enriba do Vilarreal; pero a partido único... pasou o que pasou. Con sufrimento, con suspense, con moito suspense (22 penaltis non se lanzan todos os días) acadou un torneo que, hai que recoñecer, empeza a ser propiedade dos equipos españois; nada menos que 13 (cos 6 do Sevilla á cabeza) ante os 9 de Inglaterra e Italia.


Con respecto á final da Liga de Campións, o favorito era o Manchester City, mais tan axiña como souben que ultimamente o Chelsea lle ganaba sempre, xa lle dixen ó fillo: pois seguirá ganando. E seguiu. Para alegría dos madridistas. E eles saben ben por que. A min, simplemente, dábame igual que ganara un coma o outro.


Onde non creo que haxa moita alegría é en Bielorrusia. Alá parece que non se pode cuspir nin respirar sen o permiso de Aleksandr Lukashenko. E aquel que intenta subírselle á chepa, secuéstrao e aí remata o conto. Tamén en Brasil Jair Bolsonaro semella que vai seguir a tónica de Lukashenko, que seica empeza a vixiar con lupa as voces críticas que sempre amolan un montón. E esa lupa axexa ou espía, principalmente, a profesores, periodistas e, por suposto, activistas. Non vaia ser que conten esas verdades que sempre doen unha barbaridade.


Finca Fierro. Sábado, 29 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario