jueves, 13 de mayo de 2021

NO DÍA DA ASCENSIÓN

Quere chover pero non chove. Ó mellor non tarda moito. Porque isto, é dicir, o tempo climatolóxico, está de chuvia. E iso que hoxe non debería chover (xa choveu pola mañá). Hoxe tiña que facer sol porque... tres xoves hai no ano que brillan máis có sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión. Hoxe é a Ascensión pero non hai sol. Perdón, ós cachos sae. E cando sae, quenta. Non obstante, sae poucas veces e pouco tempo.


Tamén é o día da Fátima. Si, é certo, todos os días son algo e de alguén, ou sexa, dalgún santo ou santa. Porque dos outros (do pai, da nai, do medio ambiente, da enfermería, do libro, do ceo gris e azul e branco e negro e escuro) xa sabedes a miña opinión. Hoxe é o día apropiado para dicir que son un nugallán, que cada vez me custa máis ir ó centro. Fun ó centro e fíxeno sen ansia ningunha. Fun porque tiña que ir. Pero cada vez me custa máis. Estou a converterme nun ser demasiado cómodo.

Segue querendo chover pero non chove. Mellor. Porque non teño paraugas. E segundo me custa horrores ir ó centro, non me custa nada achegarme ata a biblioteca da Valenzá. Porque non queira ir ó centro, non significa que non queira saír da casa. Que va! Se precisamente teño fama de que a casa non caerá enriba de min. Igual me pode esmagar! Xa mo dicía sempre miña nai. E o que diga unha nai... Emporiso, o que non quero é que me preman con ir a tal sitio ou cal lugar. Ou sexa que, son eu o que decido saír ou non, e ir a onde me dea a gana.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 13 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario