miércoles, 19 de mayo de 2021

SOÑOS

Soñei que corría á beira de Joaquín Sabina e que entre os dous deixaramos atrás o mes de abril. Alguén axiña berrou que eu perdera o norte. Ó mellor ata tiña razón; non sabía para onde coller. Mellor quedar quieto e a ver... Pero Sabina borboriñoume ó oído: corre, corre. Seguimos correndo e xa levabamos dezanove días de maio. Tamén soñei que rebentaba o mundo e que unha peza do meu corpo viaxaba soa polos confíns do universo. Creo que era a man esquerda. Menos mal. Porque coa dereita aínda podía deixar constancia do que me estaba a suceder.


Porque sempre me dixeron que os soños eran fantasías que se desbocaban pola ignorancia do entendemento. Nunca crin tal cousa. Os soños son realidades que van e veñen polos carreiros ou polos regos dos sentimentos. Certo que hai camiños con atrancos e regos torcidos, pero todo consiste en seguir soñando e xa nada será imposible. Ata somos capaces Sabina e máis eu de recuperar o mes de abril en dezanove días e cincocentas noites.

Soñei que todo o que está quieto é porque non se move e que aqueles que se moven, ou que andan, ou que corren acaban atopando. O que sexa: unha ilusión, un balcón, unha canción, un bosque espeso, un ceo aberto, unha noite pecha, unha alma en pena, un camisón branco, un efecto retardado, algo. Soñei que todos os ríos van dar ó mar e que todos os ruídos, ás veces, bailan un valse. Porque a vida é como unha acordeón.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 19 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario