lunes, 17 de mayo de 2021

SE PUIDERA VOAR

Se puidera voar, sería como Superman. Ou como Iron Man. Ou como Spiderman. Se puidera voar, sería como eses heroes de cómic que van e veñen pola vida e polo tempo facendo que fan. Non son heroe de cómic e por iso ando cos pés sobre a terra. Por veces, si, con pés de barro, pero ando. E ando por regos torcidos, pero ando. E chouto sobre valados e penedos; polo que non necesito voar.


En tal caso, e sen que sirva de precedente, sei que sería capaz de voar deica o País Vasco, ata Éibar, para saudar e falar con Cándido, ese amigo descoñecido que sei que me le. Ante isto, é normal que todo o meu ser se empreñe de orgullo, pois non todos os días descobre un que son algo así como un heroe literario, rural e galego para un lector anónimo. Por Cándido si voaría hoxe no escudo do Capitán América ou cabalgando como un Merlín soñado no martelo de Thor.

Agora ben, como non podo voar, amigo, deixa que sexan estas palabras ou pensamentos ou sentimentos os que che cheguen cruzando vales e montañas, muros e valados, ríos e regatos. Deixa que sexan os meus soños os que te alcancen e te acompañen no teu deambular diario. Se puidera voar, Cándido, xa estaría aí.

Non son heroe nin avión a reacción. Pero sei que flotarei sobre o universo sen fin e que colgarei na punta dunha estrela para abalar sobre o desexo de facer o que haxa que facer.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 17 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario