lunes, 24 de mayo de 2021

CUN TIRO DÚAS LEBRES

Cheghei. Cheguei á terraza do café. Sentei. Non pido porque non necesito pedir. Todos saben o que tomo: un manchado nunha cunquiña pequena, na do café cortado. Ó principio tiña que especificar moitas veces o do cortado, porque me traían a mediana; non concibían que tomase un manchado nunha aínda máis pequeniña. Si, xa sei que son dous, ou como moito, tres sorbos, pero suficientes.

E desde que os rapaces me agasallaron cun caderno o Día do Pai (si, eses días que tanto me amolan), pois aproveito o café para escribir un Pingas. Hoxe, por exemplo, este Pingas. Así polo menos tampouco perdo o tempo. Mato cun tiro dúas lebres, ou dous paxaros dun tiro: tomo o café e escribo. Por veces son agudiño. Os tempos non están para perder o tempo.


Alá foi. Tres sorbos. Coloco de novo o bozo sobre a boca, sobre a cara e sigo. O grupo Queen fai que mova os pés ó ritmo de “We Will Rock You”. Isto faime lembrar a súa película do outro día, a de “Bohemian Rhapsody”, que, como película, pareceume normaliña, pero a emoción non deixou de asaltarme as entrañas en cada tema musical que escoitaba. Marcaron época, si.

Alá vai. O relato. O relato está a piques de concluír e o sabor do café aínda o teño da boca. Gloria bendita! Que gozada! Agora toca achegarme ata a biblioteca para ler algún xornal máis. Polo que se ve, non me chegan os dous que acostumo ler pola mañá. Si, definitivamente, algo aghudiño son.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 24 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario