domingo, 16 de mayo de 2021

A NÉBOA

A néboa era espesa. Non se vía un burro a tres pasos. Tampouco é que fose moi tarde. Eran as once da mañá e aínda non despexara. Andaba perdido entre carballeiras mestas. Imaxino que sería pola néboa polo que os animais nin piaban nin se movían nin facían ruído. O silencio era auténtico. Tan auténtico que impoñía, que ata case metía medo.


Non obstante, seguín camiñando, porque tiña que camiñar, tiña que saír dese mar de néboa que non me deixaba ver nada. Sabía que se andaba cara ó norte chegaría á vila que estaba buscando. Pero despois dunha hora de andar por entre a néboa xa perdera a orientación de calquera punto cardinal. Non me quedaba outra que andar e andar. A algún lado iría dar, pensei.

A néboa era tan mesta que xa tiña as cellas pingando. E por primeira vez na miña vida deixei de asubiar. Sempre me gustou asubiar con néboa, pero esta, sinceramente, metía un pouco de medo. Ata se me deu por pensar na película de John Carpenter. De esguello miraba para todos os lados e cos oídos moi atentos. Nunca me vira noutra: perdido nun lugar que debería de coñecer ben. Pero esta néboa cegábame e mollábame o entendemento. Era como sentirse asfixiado nunha selva tropical. Aínda así, seguín andando. Non quedaba outra. Por fin atopei un camiño de carros que, souben seguro, a algún lugar me levaría. Andei, andei, andei e a néboa seguía sen ter fin. Ata que o tivo. Foi de súpeto. Tanto que case choco coa primeira casa da vila que buscaba. Alí estaba o lugar e sen néboa ó arredor.


Finca Fierro. Domingo, 16 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario