martes, 25 de mayo de 2021

MARCHO EN SOLITARIO

Corro moito máis có vento, pero noto que non consigo chegar a ningún lado. Nada se interpón no meu camiño. Así é que tiro para adiante. Deica o infinito e máis alá. Alguén me di que me filtre por entre as hostes do inimigo, do silencio. Pero quen vai querer unha guerra co silencio! Co ben que me adapto, que me axusto a el, co necesario que é ás veces. Estar en paz co silencio é como durmir sobre unha almofada chea de boas lembranzas. Ou como cantar unha canción de amor baixo o ritmo dos latexos do corazón.


Sigo correndo máis có vento e sigo sen atopar obstáculos e sen encontrarme con ninguén. Non entendo nada. En algún lugar ou a certa distancia ten que haber, debería de haber algo ou alguén. Nada. Nin tan sequera certos saloucos conseguen rachar o silencio. Por veces quero dar media volta, pero tampouco quero poñerme en contra do vento. Desa maneira custaríame máis todo, e o único que quero é atoparme con alguén para dicirlle ola. Un simple ola. Devezo por un saúdo, por un encontro, por unha palabra, por un sorriso; incluso por un berro... e sen querer meterme en guerras co silencio.

Cansado de non atopar nada e a ninguén, deixo de correr. E deixo que sexa o vento que me leve polas corredoiras dos soños, ata polas entrañas das ansias. Así é que abalo ou bambeo entre nubes brancas e toxos mestos, entre lagoas con auga e outeiros secos, entre os piñeiros dos Castros e os sentimentos castos. Deixo de correr e marcho en solitario co vento.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de maio de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario