sábado, 22 de enero de 2022

A ESTAS ALTURAS

Oxalá non pase nada, pero o asunto de Ucraína anda por mal camiño. Un camiño cheo de incomprensión, interrogantes e moita teimosía; duns e doutros, que mesmo nos poden levar a unha nova guerra. Si, porque por moito que se diga que a estas alturas non pode haber guerras porque sempre pagan xustos por pecadores e pola inxente cantidade de falecidos, o mesmo se dixo cando foi a Primeira Guerra Mundial e houbo unha segunda, o mesmo se di cada vez que hai unha e non pasa un ano sen haber outra en calquera lugar do planeta. Xa case é lei de vida. Para uns é mi fácil decidir, mentres morran os demais. E morren sempre os demais; os que non saben por que se chegou a tal situación e por que sempre teñen que ser eles, os civís, os que caian baixa as balas, mísiles e bombas. Dependemos de dous galos que... por un quítame alá esas pallas están a piques de levarnos ó desastre.


Como desastre é que, a estas alturas, se duplique a pobreza en España. Resulta que once millóns de persoas están a pasalo realmente mal. E se facemos análises de varios países estarán na mesma situación ou peor aínda. En vez de buscarlle unha solución a esta traxedia, gastamos os cartos en preparar fragatas ou avións ou helicópteros ou armas para combater ou provocar guerras.

A estas alturas, Ourense lidera a produción de centeo do campo galego. Menos mal, dirán algúns. Vale, si. Pero por moito que lidere, nin punto de comparación das extensións que había antes por toda a nosa xeografía con leiras e máis leiras cheas de pan (ó centeo sempre lle chamamos pan; vou sementar o pan, segar o pan, facer unha meda de pan, etc.) para o consumo propio. Agora seméntase o pan para a subsistencia de perdices e codornices, ou sexa, para a caza, e para algunha que outra festa etnográfica. Nada máis.


Tamén a estas alturas segue a falarse da heroicidade do Real Madrid por eliminar o outro día ó Elxe da Copa do Rei. Canta estupidez! Un Real Madrid que xa é unha vergonza que tivera que chegar á prórroga ante un equipiño tan modesto que seguro que ganan moito máis Marcelo ou Hazard, por exemplo, que todo o que vale o Elxe. Canta heroicidade! Porque o eliminou con 10. Que proeza! Hai medios de comunicación, periodistas ou comentaristas televisivos e radiofónicos ós que se lle ve o rabo ou as trazas. É dicir, o plumeiro. Un plumeiro branco.


Finca Fierro. Sábado, 22 de xaneiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario