martes, 18 de enero de 2022

O FANTOCHE DAS ANSIEDADES

Que dous días! Que dous días levo! De aquí para alá. De alá para o quinto inferno. Do quinto inferno á fin do mundo. Non parei. Non paro. Que se había que facer aquilo, facíao. Que se tiña que ir para aquel lugar, ía. Que non te sentes, que hai que facer; xa nin o intentaba e facía. Que non mires, que perdes o tempo; e pechaba os ollos. Así, durante dous días. Fun e vin. Soñei e vin a realidade. Corrín e medio afoguei por falta de folgos. Meu Deus, que forma de moverme. Fun o fantoche dunha vida chea de ansiedades. Fun a marioneta desa ansia que é a que realmente move os fíos.

Que dous días! Pero agora chegou o descanso do guerreiro e sento nunha mesa do parque das Mestras para rir un pouco desas présas que me angustiaron sempre e que, si, aínda me angustian. Son un agonías. Pero tan só cando eu quero, cando quero facer algo que sei que teño que facer. Para que esperar. Se hai que facelo, pois canto antes, mellor. E cando está feito, entón si, entón podo ser a nugalla personificada ante, por exemplo, esta mesa de pedra na que estou quietiño coma un paxariño. Aquí podo contemplar e contemplo os carballos das Mestras intentando atopar a rula que está a cantar. Cando a encontro imito o seu canto e empezo a pensar nos biosbardos.


Que dous días pasei! Agora, con que calma o penso! E tal como estou xa non me importa que a vida sexa unha agonía, que eu deixo caer a cabeza sobre a pedra para rememorar o que foi e o que hai. O que será, xa Deus dirá.


Finca Fierro. Martes, 18 de xaneiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario