lunes, 17 de enero de 2022

RIR É FÁCIL E BONITO

Botei a rir porque me gustou o chiste. O chiste, a verdade, non sei xa de que ía. Pero como rir é tan fácil e tan bonito, pois deille corda á alegría. Cando un ri, queda así como liberado. Como liberado das penas. Ou das angustias. Mesmo dos medos. Si, tamén é certo que ás veces non queda outra que rir co medo. Rir é bonito, raio. É tan bonito que os políticos, para non decepcionarnos, están sempre a rirse de nós. Como debe ser. Alegría na horta!

Eu case sempre estou rindo, porque, a maiores de que é bonito e fácil, sempre estou contento. Cando poño algo, só algo, cara de ferreiro é máis ben no pensamento. Pero a miña cara seguro que amosa un sorriso enorme, esplendoroso e practicamente continuo. Falando de sorrisos, hainos que transportan a un case ó sétimo ceo. A pena ese case. Pero agora non vén a conto. E como vai vir a conto se estamos falando da risa. Desa risa que din que é o disolvente universal das preocupacións. Pero, que bonito, por Deus!


Tamén Mark Twain seica dicía que a raza humana só ten unha arma realmente efectiva: a risa. Por iso eu as mato calando; non fai falta nin que dispare nin que deixe caer palabras raras, chégame con deixar estourar a gargallada. Con risas e gargalladas derroto a calquera. Adoito practicar moito rindo só para, despois, á hora da verdade, soltar toda a risa de cachón e que a xente pense que divertido son. Sinceramente, son un tipiño normal que, como rir é fácil, deixo escapar unha risa amigable, cariñosa, sentimental. Porque, olliño, tamén hai que saber rir. Eu río moito e ben. E moi bonito, iso si.


Finca Fierro. Luns, 17 de xaneiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario