sábado, 22 de enero de 2022

SUBIR E BAIXAR

Baixei as escaleiras porque estaba arriba. Antes tiven que subilas. Eran as escaleiras da biblioteca. Porque de cando en vez, ou moi a miúdo, ou case todos os días vou á biblioteca. Unhas veces para entregar e coller novos libros en préstamo, e case todos os días para ler outra prensa que non adoitan ter os bares ou cafés ou cafetarías. Aínda que só sexa para lerlles as letras gordas, como din algúns.

Non obstante, o asunto deste Pingas vai estar no de subir e baixar. Porque non sempre é fácil subir e baixar. Nin escaleiras, nin costas ou pendentes, nin na vida mesma. Por exemplo, nesas rúas e carreiros e estradas e pistas e camiños moi pero que moi pendentes, hai xente que prefire subilas; como os hai que lles é mellor baixalas. Eu, que queredes que vos diga, case prefiro subilas. Baixar unha costa moi en pendente non é tan fácil. Xa que o corpo, ó querer coller velocidade, obriga ó pé ou á perna a caer, a pisar con tanta forza que case ou sen case se estremece todo o corpo. Mentres que, para arriba, si, notas unha pequena dor nos xeonllos ou un pequeno afogo e pouco máis. Por iso eu sempre digo: a costa... costa. É dicir, que a pendente costa subila.


O que si se pon costa arriba, isto de verdade, é a suba dos prezos. Esta dálle cen mil angustias e penas e pesares á subida máis empinada que poida existir. Aquí o de baixar si que non pinta nada, que non ten nada que facer; porque todo sobe e nada baixa. Así é que, subir e baixar... para dar e tomar.


Café A Pedreira. A Valenzá. Venres, 21 de xaneiro de 2022

 

2 comentarios:

  1. Me parece unha mensaxe relato moi axeitado do lle cabe até o humor de aquelo interogante de que si queres mellor subir unha baixada ou baixar unha subida ? .Pois ben dicir que me gustou moito o artigo polo tema e por cómo , con prosa diría eu, en todo o relato mantén unha espectación , un interese, que se vai clarexando como si fose poesía sen caer no dito redundante de subir arriba ou de baixar a baixo, que tamén hai moitos outros termos de poder dicilo , tal e como<<: a cima , outorelo, pico, outeiro ..... Parabéns

    ResponderEliminar