domingo, 23 de enero de 2022

TODO ESTÁ NA CABEZA

Mordo unha uña e quedo coa mirada perdida. É domingo. Son as oito e media da noite. Dunha noite fría, na que xa se nota que está xeando. Levamos uns días que xea como ten que xear. O silencio vese interrompido pola banda sonora que Hans Zimmer compuxo para a película “Fanático”. Son incapaz de escribir ou de traballar sen música. Ou de pasear, ou de correr, ou de ir, ou de vir. Xa só me queda escoitar música cando estou lendo. Que tampouco me importaría facelo. Lembro de rapaz, de cando estaba no colexio dos Milagres, que conseguía ler no cuarto que tiñamos para xogos e para ver a televisión. A pesar de todo o barullo. A pesar de todo o que berraban os demais rapaces. A pesar de que falaban na televisión. Concentrábame e lía aqueles marabillosos libros da colección Austral, de Espasa Calpe.

Todo está na cabeza. Se me concentro moito, non hai nada que me distraia. Se me digo que son o heroe das xeadas, será porque son capaz de poñerme en pelota picada toda unha noite e sen sentir a friaxe. Se digo que non teño medo, é porque non teño medo, aínda que caia da ponte das Cepas ó río Arnoia. Todo está na cabeza: un sombreiro á altura do peito, un foguete que non estrala e un soño que nin é soño nin é pesadelo. Un querer e poder sempre. Porque se quero é porque podo, e se podo é porque me obrigo. E cando me obrigo, nada me fai retroceder. Nin esta xeada que está caendo.


Todo está na cabeza: o silencio dunha ducha, o reflexo dun espello, o tempo que non corre nin voa, a luz que non aluma e a escuridade que brilla. Porque cando pecho os ollos é cando mellor vexo.


Finca Fierro. Domingo, 23 de xaneiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario