domingo, 16 de enero de 2022

BERRO SECO, DURO E CONTINUO

Cando saímos de ver a obra “A lúa vai encuberta”, sobre un texto de Manuel María, ós poucos pasos da Casa da Cultura de Barbadás, a muller díxome que non sabía que pasaran algunhas desas cousas que se representaron. Só por isto, creo que xa mereceu a pena asistir á representación. O que pasa é que “A lúa vai encuberta” é moito máis que esas pequenas cousas descoñecidas. A obra é un auténtico berro seco, duro e continuo contra a ignorancia da nosa historia. É tan seco que deixa como un malestar no estómago pola impresión do que se conta e como se conta.


“A lúa vai encuberta” analiza, ispe, debulla, murmura, berra, canta a nosa historia, desde o referendo de autonomía de 1936 ata os nosos días. Mesmo hai unha escena (a das manifestacións e folgas) na que os silencios se fan incómodos, rabuñan nas entrañas para que manquen nas conciencias. O fascismo, cos seus fusilamentos e exilios sobrevoa boa parte da obra. Espállanse tamén polo escenario e pola platea as guerrillas, as concentracións parcelarias, a emigración, a cultura contra o fascismo (xenial esta escena ante a mesa de braseiro de Ramón Piñeiro)...

A obra é unha produción de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, dirixida por Tito Asorey, que tamén actúa xunto a Melania Cruz, Vanesa Sotelo e Davide González. Os catro, ante unha escenografía sinxela de todo, mostráronnos esa realidade encuberta pero que sempre estivo aí. A nós non nos quedou outra que agradecerllo. Creo que todo o patio de butacas o fixo. Porque, eu, persoalmente, levaba moito tempo sen ver unha obra tan boa.


Finca Fierro. Domingo, 16 de xaneiro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario