martes, 23 de mayo de 2023

A ESTRADA DE SALGUEIROS

 

Hoxe en día segue a botarse en falta unha boa estrada de Baños de Molgas ata Ourense, ou polo menos ata Piúca, onde se enlazaría coa que vai de Maceda á capital das burgas. Antes, quizais a máis transitada fose a que, nós, lle chamamos a de Salgueiros, que acaba de cumprir 57 anos. Aínda lembro un pouco as obras cando ía á escola.


Segundo unha nota de prensa que atopei por aí, o día 10 de maio de 1966, o gobernador civil de Ourense, don José María López Ramón, dedicouse a inspeccionar varias obras que se realizaron pola provincia. Primeiro foi a Sobrado do Bispo, logo a Allariz e xa pasou a Baños de Molgas para rematar en Maceda.

O gobernador iniciou o percorrido da estrada que nos ocupa en Salgueiros. Tal obra custou 3.575.000 pesetas, para 8,064 quilómetros. Na noticia saliéntase tamén que o percorrido ten dous terzos completamente rectos e o terzo restante “aliñacións máis ou menos curvas”. O de máis ou menos é un dicir, pois ten algunhas que son moito máis que perigosas. E xa non digo nada cando asoman esas fortes xeadas no inverno.

Naquel tempo, tal estrada de Salgueiros era para uso duns 750 habitantes, pois arrincando de Baños de Molgas pasaba e pasa por Alvite, Brandín, Sanguñedo, Cardoeiro, Guede e Salgueiros. Hoxe, a mingua de habitantes ten que ser moi significativa. Pero, si, naqueles tempos para ir a Ourense e para achegarse ata o Polígono Industrial era a máis usada rede de comunicación. Agora creo que é a que vai por Almoite ata Piúca, para coller a de Maceda ou Paderne de Allariz.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Mércores, 17 de maio de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario