sábado, 13 de mayo de 2023

DÚAS SEMANAS DE PROMESAS

Desde o venres xa hai faena. Faena electoral, se entende. Xa houbo pegada de carteis. Haberá mitins, actos, reunións, parladoiros, debates, enfrontamentos... Diranse medias verdades e mentiras enteiras. Promesas moitas, ou sexa, todas. O de cumprilas, será xa outro cantar. Outro cantar que se reiniciará dentro doutros catro anos. Agora tocan dúas semanas de truques e retruques, de dixomedíxomes, é dicir, de lerias podres. E nós, como paspanciños, iremos o día 28 a cumprir coa obriga. Que si, que hai que ir e debemos ir. Pero tamén debemos ter moito coidadiño e máis sentidiño co que metemos dentro das urnas. Que non é meter as papeletas de calquera xeito, á lixeira e despois queixarse nos bares.


Dúas semanas cheas de páxinas extras nos xornais que ninguén vai ler; tan só aquelas letras moi grandes e do partido político que interesa. Dúas semanas con espazos televisivos e radiofónicos que, como non, acabarán cansando e aburrindo, ata chegar a apagar os propios aparatos. E mesmo chegará o momento no que desexaremos que asome axiña o domingo 28. Dúas semanas nas que, por fin, certas zonas, lugares, barrios, aldeas existirán para os candidatos. Cada catro anos déixanse ver. Para que despois non digamos que...

O día 28 perdoámoslles todas as falcatruadas que cometeron, todos os esquecementos cos que nos recompensaron e, ale, que Deus reparta sorte. Que a conciencia de cada un actúe sobre unha urna electoral que, pola noitiña dese domingo 28, ditará sentenza. Ou sexa, catro anos de poltrona nos que asomarán as medias verdades, as mentiras enteiras e as promesas rotas. Lei política.


Cambio de asunto para meter algo de bondade neste Recuncho. O outro día lin unha frase que define ó momento a unha persoa. Parece ser que ó xogador do Osasuna, Chimy Ávila, dixéronlle algúns achegados que “poderías ter a muller que queiras”. Sabemos o que atrae a fama e os cartos. Pero o Chimy Ávila soltou unha frase que, sinceramente, emociona: “Xa. Pero ela pasou fame e chorou comigo”. Isto desarma a calquera. Agora que, nese mundo de famoseo... vai ti saber.


Finca Fierro. Sábado, 13 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario