sábado, 20 de mayo de 2023

GUERRA ENTRE A EXPERIENCIA E A INOCENCIA

Chamáronme a filas. A min, con sesenta e algo de anos! Non o podía crer. Pero a carta chegou certificada. Seica se estaba desenvolvendo nun parladoiro televisivo unha guerra entre a experiencia e a inocencia. Experiencia creo que a teño. Ante as cámaras son máis que inocente. Póñome nervioso só pensar que me están vendo. Ademais... con esta cara! Mellor sería que o parladoiro se desenvolvese nas Mestras, en Baños de Molgas; alí, á beira do río Arnoia e entre os vellos carballos, onde se pode berrar e incluso alporizarse. Pero, na televisión... na televisión é outra leria.


Non obstante, había que cumprir coa lei, co mandado. Marchei algo amoucado, pero confiando na miña experiencia. A miña idade dá para moito. E máis cando vin ós catro cándidos que declararan a guerra. Desarmeinos con tres contos, catro dicires e media ducia de historias.

Historias de cando o tempo estaba parado e durmido ante unha política única e ditatorial. Historias de sangue (xogando e traballando), suor (xogando e traballando) e lágrimas (xogando e traballando). Os mozos, os catro cándidos axiña agacharon as orellas, pero non se deron por vencidos. Non tardaron en amosarme os seus feitos democráticos e libres, os seus avances acadados a unha velocidade galáctica e os seus medios de comunicación que ían moito máis alá dos meus berros e asubíos. Non tardamos en asinar a paz con catro abrazos e oito bicos. No fondo sabía que, co tempo, xa alcanzarían a miña experiencia. Mentres, eu acabei rindo coa súa inocencia.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 15 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario