domingo, 28 de mayo de 2023

O CAMIÑO CORTADO POR OBRAS

Son Zacarías Carro Solana, O Asentado, e natural daquela aldea que está no alto da montaña, a que ten forma de peito de muller. Aínda que vivo na cidade. Dixéronme que non fose por certo camiño, que estaba cortado por obras. Optei por coller outro, claro. E collín un polo que din máis voltas. Tiña que parar de cando en vez porque eses ollos verdes, vermellos e ámbar bailaban o baile de San Vito.


Chámanme O Asentado por ser moi sosegado, moi cachazudo. Pero agora mesmo críspanme os nervios e férveme o sangue a causa do novo camiño que collín; ando así coma medio perdido. Non o coñezo tan ben coma o habitual. Non obstante, sigo cara á adiante. A algún lado irá, a algún lugar chegarei. Parar non vou parar.

Na aldea tan só vivimos catro veciños. Tres e máis eu. Ou eu e tres máis. Cando estou alá, lóxico. Porque xa dixen que vivía na cidade. De cando en vez vou á aldea. Ás veces vexo ós tres veciños, outras vexo tan só a un, outras máis a dous e mesmo hai visitas nas que non vexo a ningún. Son fáciles de contar.

Por fin cheguei ó lugar que ía. Levoume moito máis tempo, pero cheguei. Tiven que subir polas escaleiras do edificio. Foron 164 chanzos. Podía coller o ascensor, pero... para que? Tiña ganas de contar os chanzos: 164. Xa son, xa. Cheguei e alí estaba. El. El estaba na cama. Dando voltas coma un sarillo. Non acougaba. Eu tan só miraba para el e dábame algo de pena. Ós cachos pensaba no camiño cortado por obras.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Sábado, 27 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario