jueves, 18 de mayo de 2023

SER TORTO DE CANDO EN VEZ

Tirei a carne e rillei os osos. Así son ás veces de espléndido. O outro día goldrei o río, cando tiña, tanto polo lado de arriba como polo de abaixo, dúas pontes para poder cruzar. Quixen mollarme, e que? Non sempre quero andar como dita, como sinala a realidade. Ser torto de cando en vez non é malo. Aínda que só sexa para chamar a atención.

Sempre quixen viaxar ó espazo, pero deixo apodrentar o traxe de astronauta nun recanto do faiado. Ó mellor estou á espera de que me colla unha pomba e voe con ela. Mellor unha pomba que un avión. Por iso de querer chamar a atención. O outro día escribín que o ruxerruxe dunha película nas noites de silencio era como escoitar os asubíos de Morricone. A película era muda!


Tamén quixen correr polos raís da vía do tren, pero como perdía o equilibrio, bailei sobre as gaias dun sabugueiro. Cando rematei descansei sobre unha lápida do cemiterio. Case quedo durmido. Porque me daba o sol e porque, aí, o silencio si é absoluto. Sempre se dixo que os mortos non falan. Aínda que moitos si saben dicir cousas desde o máis alá.

Descarguei a tinta do bolígrafo e estou a escribir co sangue das miñas veas. Así son ás veces de besta, de bruto. As palabras faranse eternas. Porque tamén din que o sangue sempre queda... segundo contan os do C.S.I. e as novelas de serie negra. Logo, para máis aquel, o meu sangue xa é negro. Ata son torto para min mesmo. “Ai, neno, ti non estás ben”, dicía sempre miña nai. E unha nai sempre ten razón. Ou case sempre.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 14 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario