domingo, 14 de mayo de 2023

A PÁXINA 72

Escribo os números das páxinas no caderno porque algo teño que facer; ou dicir; ou escribir. Por exemplo, esta é a páxina 72. Sobre a mesa: o móbil á miña dereita, un periódico enfronte e, tamén enfronte, a cunca de café, xa baleira, claro. Xa teño dito que os meus cafés baixan en tres tragos; o primeiro para a temperatura, o segundo para o sabor e o terceiro para a éxtase. E, si, tamén para a pena. Porque dá pena rematar o café.


Algo teño que facer. Contemplar unha pantalla televisiva que ten sempre a mesma imaxe. Xa se moverá, xa; xa se moverá cando empece o partido de fútbol que, algúns, xa estamos esperando. Mentres non se move, escoito música que sae polos altofalantes da cafetaría. Clientes dentro, e fóra. Coches fóra. Ruído dentro, e fóra. Latexos no meu peito.

Raño o pescozo porque me proe. E porque algo teño que facer. Tamén o dixen sempre: cando proe algo, hai que rañar. O que sexa. Agora cada quen que pense o que queira. Pensar é gratis. Levar a cabo os pensamentos... iso xa é outro cantar, outra película. Todos sabemos como poden ser as películas: cómicas, de suspense, de ciencia ficción, románticas, incluso de terror. Como certos pensamentos.

Nesta páxina 72 chego á conclusión de que sempre hai algo que dicir. Sempre. Incluso neses momentos nos que un non sabe que dicir. Un raña e raña nas entrañas, nas asaduras e sempre asoma algo. Sempre.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 9 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario