sábado, 20 de mayo de 2023

A CONCIENCIA ALIMENTARIA

Este mesmo xornal informaba o luns pasado que cada europeo desperdicia máis de 10 quilos de comida ó mes. Esta cantidade ó mes non é que sexa moita en moitas cousas. Pero falando de comidas, xa son palabras maiores. Porque precisamente hai moita xente necesitada, non só no chamado terceiro mundo, senón nos países máis civilizados, máis ricos. Se nestes países rañas un pouco, non tardan en asomar miserias culinarias diarias.


Non sei moi ben por que, pero, para min, o tema das comidas sempre me tocou moito a conciencia. Son tan fanático de non desperdiciar nada que, por exemplo, nas festas do Nadal onde xeralmente comemos a esgalla, son capaz de tirarme días e máis días comendo as sobras.

Digo que non sei por que, pero penso que foi pola educación, ou máis ben por aquela ladaíña da nai de non tirar nada, de que custou sangue, suor e lágrimas acadar o que houbese na mesa. Era unha petición diaria, un rosario de queixas que se me meteu na cabeza e que aínda segue nesta. Por non tirar nin tirabamos nin aquel cacho de pan que os dentes non conseguían atravesar; mollábase nunha auguiña, abrandaba e para dentro. E digo de verdade que o pan mollado non sabe a nada... a nada.

A conciencia alimentaria tamén me lanza a aquelas fotos ou imaxes que, de cando en vez, asoman nos medios de comunicación, principalmente eses nenos con eses ventres ou bandullos que, en vez de estar cheos de comida, están inflados de fame. Esas imaxes arrepían a conciencia de tal forma que, ós meus, xa os teño algo aburridos cada vez que lles vexo sobras nos pratos e lles solto aquilo de “se pillan isto os nenos de África”. E digo África, por non dicir algún neno europeo, ou ianqui. Xa dixen ó principio que se se raña un pouco, a fame asoma.

Europa creo que pasa dos 751 millóns de habitantes. Se cada un deles tira con 10 quilos de comida ó mes, botade contas e a ver se se alimentaban ou non se alimentaban máis que ben un bo número de nenos (e adultos, claro) europeos, ianquis, asiáticos, americanos e case galácticos (se é que os hai por eses lares). Tomemos un pouco de conciencia e cando iniciemos o xesto de repañar o prato con dirección á bolsa ou ó cubo do lixo, pensemos nesas persoas que, aínda hoxe, pasan moita fame.


Finca Fierro. Sábado, 20 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario