martes, 16 de mayo de 2023

O GLOBO DA GOMA DE MASCAR

Cando sentei na terraza da cafetaría, o sol xogaba ás escondidas coas nubes grises que poboaban o ceo. Á miña dereita estaba sentado o adestrador do Real Madrid, Carlo Ancelotti. Aínda que non é santo da miña devoción por adestrar ó equipo que adestra, sen vergonza ningunha, pedinlle unha goma de mascar. Miroume de esguello e sorriu; quizais polo meu atrevemento. Deume un par delas.


Tal par non tardei en metelas na boca. Así, coas dúas, faría máis globo. Que, por certo, empecei con estes tan axiña como notei que as gomas de mascar estaban trituradas, abrandadas e dispostas a incharse ó saír dos meus labios. Eu, dálle que dálle e os globos incha que incha. Procuraba que non estouraran para non molestar a Ancelotti. Sería de mala educación.

Creo que foi que botei un trago do café con forza, polo que acumulei dentro máis aire do debido, pero o caso foi que ó facer nese instante o típico globo, este empezou a incharse, a incharse, a incharse que non tardou en cubrirme toda a cara. E seguía. Empecei a preocuparme, incluso a asustarme. Cada vez era máis globo. Ata Ancelotti se deu conta e notei como lle cambiaba a expresión.

Non tardei en notarme flotando. O puto globo cada vez era máis grande. Eu cada vez subía máis. Como non soubera reaccionar, agora xa non podía rebentalo cunha media navalla (rompéralle a folla pola metade) que levo sempre comigo. A caída, o trompazo sería mortal. O globo cada vez é máis grande e a Terra véxoa xa moi diminuída alá embaixo. Adeus, mundo cruel!


Café Chechu. O Vinteún (Ourense). Venres, 12 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario