viernes, 26 de mayo de 2023

UN GRAN ESTUDANTE

Estudei arquitectura para esculpir un boneco de porcelana nun caxato de salgueiro. Coa navalla, a maiores de tocar e retocar, abrinlle o bandullo a un corvo. Dentro do bandullo non había nada de nada. Non sempre ten que haber algo no baleiro. Eu ás veces nado nos outeiros. Só nos do monte Medo. Si, tamén nos de Pinouzos.

Estudei a táboa de multiplicar para dividir todo o relacionado comigo, en cachiños que, ó poñelos en fila, funos sumando. Non lle restei nada. Bastante teño co que teño e co que son. Ás veces, un cero á esquerda e, outras, un certo valor en auxe. Agora cada quen que busque a raíz cadrada do cachiño máis grande. Sempre haberá alguén que o faga sobre o máis pequeno.


Estudei astronomía para somerxerme nas augas do río Arnoia cunha caña de ferraia para poder respirar. Parvo non son e non quero afogar. Dos astros baixei ás profundidades do océano, ou sexa, ó pozo da Pillamadoira, alá polo medio de Baños de Molgas. Metro arriba metro abaixo, a distancia pode ser máis longa que toda a Chaira de Vide. Xa sei que é unha esaxeración, pero para iso estudei ética filosófica por medio de online.

Tamén estudei ciencias económicas para saber canto me custaba o sacho que precisaba para cavar as patacas, así como se era procedente que o arado de pau levase rella de ferro ou non. Ó final carguei o arado no carro, marchei para o Outeiro Miau e que sexa o que Deus queira. Na primeira engarrada que tivo contra unha pedra, o arado de pau rompeu. Putas ciencias económicas!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 18 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario