lunes, 29 de mayo de 2023

ÁS TRANCAS E BARRANCAS

Trae isto. Dáme aquilo. Levántame. Báixame. Dáme auga. Tócame aquí. Tapa este lado. Dálle a volta a isto. Alisa esta engurra. Colle a culler. Non, mellor o garfo ou cuberto. Corta co coitelo. Chame a este. Pregúntalle á aquela.

E todo segue. Ás trancas e barrancas, pero a vida segue. Ten que seguir. Os atrancos saltámolos ou arrodeámolos. Ás veces con traballo. Por veces incluso con alegría. O caso é que todo nos quede liso e chairo para chegar a esa meta real. Mesmo a unha meta imaxinaria.


Vou e veño. E volvo vir. Con présas. A modiño. Andando. En coche. Correndo. Con paraugas. Sen paraugas. En manga curta. Con cazadora. Así durante horas e días. Si, días. Y los que te rondaré, morena.

Pero que todo sexa polo ben do que está mal. Pola alegría de vivir. Ata polas futuras penas, mágoas e angustias.

Sento. Ergo. Escoito os saloucos. Vexo os ollos tristes. Recibo os aloumiños. A vida non é tan bonita como a pintan. Certo que cinco minutos de felicidade cambian todo un inferno de congoxa, de traballo, de bailes de aquí para alá e de alá para acá.

E, ós cachos, volve a ladaíña: dáme isto, trae aquilo, colócame aquí, ponme alá, séntame, levántame, que hora é?, en que día estamos?, chove?, vai frío?, asoma o sol?... O tempo faise eterno. Ansiedades duns. Afagos doutros. A vida que segue. Ós choutos, pero segue. Con dor, pero segue. Ten que seguir.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Domingo, 28 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario