miércoles, 10 de mayo de 2023

COMO AS AVESTRUCES

Fixen un buraco para poñer unha verza, pero ó final enterrei a cabeza. Como as avestruces. Ás veces é obrigatorio esconder a cabeza. Ou che fan esconder a cabeza. Tamén, como dicía aquel: ollos que non ven, corazón que non sente.


O outro día non escondín a cabeza e fíxome moita graza a situación, o detalle que vin ante a televisión: soa o himno nacional na final da Copa do Rei entre o Real Madrid e o Osasuna. Cando a cámara pasou ensinando a todos os xogadores do Real Madrid só había un español (Carvajal) e, por exemplo, Tchouaméni estaba teso, firme e cos ollos pechos, concentrado, coma se sentira o himno. Para máis inri, Tchouaméni é francés.

Noutras ocasións si escondo a cabeza. Gustaríame dicir que para non ver, pero a maioría das veces é por covardía. É máis, estou convencido que a maioría de nós agachamos a cabeza por covardía. Non o quereremos recoñecer, pero así é.

Esconder a cabeza é moi fácil. É tan fácil coma cando se pide perdón. Por certo, rebéntanme aqueles condutores que, cando non frean nun paso de peóns, levantan a man en sinal de perdón. É tan fácil erguer a man.

Teño a cabeza enterrada no buraco que fixera para a verza. Vou ter que quitala. Non quero afogar. E a covardía estará sempre nun; vendo ou non vendo, sentindo ou non sentindo. Mellor poñer a verza, da que sempre se saca proveito... un caldiño nas noites de inverno. Tampouco quero ser avestruz. Mellor lobo ouleando desde os outeiros do monte Medo ou un gabián voando sobre o campanario da igrexa de Baños de Molgas.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 7 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario