martes, 30 de mayo de 2023

ESCUDO ANTE TRES FRANCOTIRADORES

Primeiro chaman, planean, reúnense, discuten, berran, insultan e, despois, escóndense nos seus cubís, nos seus cortellos e disparan a esgalla. Pero si disparan a dar. Son francotiradores de elite. A min tan só me queda agachar a cabeza e oír como asubían as balas. Moi cerca, demasiado cerca. Tan próximas que, en vez de dirixirse a eles, é coma se me dispararan a min. É que me disparan a min! Só me queda a opción de parapetarme detrás de algo: algún razoamento, algún consello, algún alento e moita paciencia.


Pero toda paciencia ten o seu límite. Ese límite que vai ata ese instante no que un queda farto de ser o escudo, o parapeto no que reboten as balas. Estas, máis seguro que chegue o momento no que me acerte algunha. Despois xa non hai remedio, xa non hai volta atrás. Así é que, antes, un chisco antes de que unha futura bala choque ou bata na miña paciencia, eu tamén sei berrar e insultar e facer chamadas e, se fai falta, tamén sei disparar. Chegado o momento non me importa ser o Clint Eastwood daqueles spaghetti-westerns. Ou ser tamén o francotirador dunha película de precisamente ese gran director e actor.

A paciencia ten un límite. Así é que me preparo por se realmente hai que disparar. Estudo, analizo e busco ós tres francotiradores de elite para calarlles a boca e para frearlles as balas. Máis vale previr que curar. Que un pode ser escudo nas carraxes e na violencia, pero tamén pode ser mazo nas ferocidades e nos desasosegos.


Cafetaría Urgencias. Ourense. Luns, 29 de maio de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario