Telesforo Mensaxe Langrán quedou
con Urías Luz de Dios no complexo dos Milagres, en Baños de Molgas, a iso das
dúas da tarde. Pero cando lle chegou alí, O Pegarol (que así lle chaman a
Urías) espetoulle que botaba a vida dun preso para facer tan só tres
quilómetros e pico. Normal; eran as catro da tarde. Mais o bonito foi que O
Troiteiro (que así lle chamaban a Telesforo) saíra de Baños de Molgas á unha do
mediodía. “Pero como puideches tardar tanto, alma cándida!”, case lle berra O Pegarol.
“É que me detiven en Sudalomba a cagar”, díxolle O Troiteiro cun sorriso
burlón. “Mellor dito, engarrei nunha silva”, seguiu coa chanza. Telesforo
Mensaxe e Urías Luz eran amigos desde nacemento, mais levaban moitos anos sen
verse. Fora Urías, O Pegarol, o que planeara a cita, e sabendo o risco que
corría, sabendo que o seu amigo Telesforo, O Troiteiro, botaba a vida dun preso
para levar a cabo o que fose: comer, traballar, andar, incluso falar. Sabía que
era pousón, pero non o imaxinaba tanto. A proba é que empregaron toda a tarde
para pouco máis alá dos típicos saúdos. Cando se preguntaron polas familias xa
era noite.
No hay comentarios:
Publicar un comentario